Meta tags:
description= das letras que aran a terra;
Headings (most frequently used words):
que, navegación, de, artigos, ou, acheite, memorias, da, neve, 1987, yo, fui, más, rojo, tu, outras, herbas, democráticas, chaqueta, vaqueira, mariña, en, loita, aínda, era, eu, estudante, sobre, violencia, entroido, lle, pidamos, hoxe, canto, aos, anos, bravos, historias, do, lume, ata, sempre, pau, donés, as, cousas, bonitas, anotacións, etiquetas, chiando, das, letras, aran, terra,
Text of the page (most frequently used words):
que (522), non (106), para (106), unha (92), por (81), máis (76), nos (65), das (64), como (64), con (60), coa (48), dos (47), sen (43), todo (38), anos (32), porque (31), entre (30), así (29), pero (28), #memoria (27), aínda (27), cando (27), onde (27), tempo (27), hoxe (27), día (25), era (24), pola (24), nin (24), nun (24), noite (24), nas (23), mesmo (22), tan (22), dunha (21), mentres (21), coma (21), sobre (20), nós (20), vez (20), medio (19), hai (19), quen (19), casa (19), entón (19), tamén (18), tal (18), violencia (17), súa (17), moi (17), sempre (17), seu (16), algo (16), foi (16), acheite (15), días (15), porén (15), dun (15), neve (14), cousas (14), todas (14), pouco (14), cada (14), polo (14), ben (14), daquela (14), amizade (13), este (13), aos (13), moito (13), case (13), agora (12), política (12), historias (12), logo (12), antes (12), campus (12), universidade (12), moitas (11), ter (11), mundo (11), desde (11), esa (11), sexa (11), tantas (11), menos (11), aquela (11), nosa (11), algunha (11), esta (10), outras (10), etiquetado (10), publicado (10), isto (10), nosas (10), nada (10), claro (10), lugar (10), terra (10), calquera (10), contra (10), veces (10), persoas (10), posted (10), miña (10), momento (10), algúns (10), carro (10), despois (10), eran (10), ver (9), vello (9), nunca (9), entroido (9), lle (9), mocidade (9), teño (9), ten (9), ser (9), lume (9), xente (9), aquel (9), tiñan (9), casas (9), outra (9), parte (9), rural (8), novo (8), debate (8), cos (8), nunha (8), son (8), palabras (8), facer (8), historia (8), ata (8), até (8), alí (8), polas (8), dentro (8), algunhas (8), realidade (8), servizos (8), empresa (8), pensamento (7), mondoñedo (7), lugo (7), lembranza (7), festa (7), mariña (7), bonitas (7), meu (7), diante (7), fóra (7), coas (7), mal (7), maioría (7), relato (7), canto (7), min (7), lembrar (7), aldeas (7), rapazada (7), tiña (7), riba (7), naquel (7), tipo (7), mesmos (7), aquí (7), seus (7), alguén (7), prácticas (7), público (7), lugares (7), conta (6), música (6), educación (6), perto (6), tempos (6), voces (6), vida (6), nalgún (6), donés (6), caso (6), cunha (6), lembro (6), primeiro (6), dous (6), ese (6), uns (6), van (6), media (6), propio (6), modo (6), particular (6), poder (6), xeito (6), tanto (6), persoa (6), sigue (6), propia (6), servizo (6), pese (6), vagoada (6), agrario (6), alumnado (6), investigación (6), cazadora (6), durante (6), meus (5), razón (5), prensa (5), galiza (5), ciencia (5), vaqueira (5), memorias (5), iso (5), lembranzas (5), momentos (5), gusto (5), comunidade (5), teñen (5), necesidade (5), banda (5), temos (5), está (5), fin (5), alén (5), diario (5), simplemente (5), mar (5), beira (5), sabe (5), luz (5), pode (5), forma (5), noites (5), pau (5), resultado (5), fai (5), foz (5), pasado (5), cara (5), velaí (5), ven (5), pois (5), cambio (5), estas (5), mans (5), ducia (5), estaba (5), forza (5), veciño (5), capacidade (5), futuro (5), podía (5), décadas (5), riso (5), baixo (5), intre (5), alunado (5), escuros (5), estado (5), desfile (5), algún (5), mañá (5), naquela (5), aqueles (5), galego (5), comigo (5), maiores (5), cousa (5), empresas (5), estes (5), podían (5), había (5), atención (5), procura (5), profesor (5), nevarada (5), wordpress (4), com (4), sitio (4), opinión (4), cultura (4), aldea (4), 2021 (4), fui (4), rojo (4), artigos (4), anteriores (4), celebrar (4), grande (4), axuda (4), aquilo (4), horas (4), estar (4), deixar (4), dicir (4), inevitable (4), grupos (4), noventa (4), zona (4), dela (4), fose (4), ambiente (4), aló (4), desta (4), connosco (4), seguro (4), silencio (4), atrás (4), aire (4), veciñanza (4), cun (4), chisme (4), seguinte (4), xeración (4), medo (4), sendo (4), nenas (4), metros (4), agrarias (4), colectivo (4), mesas (4), están (4), ademais (4), nova (4), súas (4), somos (4), ollada (4), vai (4), viaxe (4), sei (4), seat (4), ano (4), paso (4), roupa (4), rúa (4), seguridade (4), martes (4), lourenzá (4), tampouco (4), conto (4), unhas (4), neste (4), pensar (4), traballo (4), nivel (4), dotación (4), diversos (4), disto (4), seguen (4), outro (4), recursos (4), públicos (4), mellora (4), supón (4), fixo (4), usc (4), centro (4), universitaria (4), toda (4), aulas (4), públicas (4), mesma (4), friaxe (4), varios (4), moitos (4), eles (4), proxectos (4), teléfono (4), parroquia (4), estrada (4), temporal (4), aviso (4), dar (4), colexio (4), contido (3), sesión (3), 2026 (3), televisión (3), manuel (3), estética (3), amariña (3), estudante (3), loita (3), más (3), herbas (3), 1987 (3), viños (3), feito (3), vidas (3), desas (3), destes (3), senón (3), pasa (3), vivimos (3), saúde (3), cuberto (3), fiestra (3), musical (3), coche (3), leiras (3), conversa (3), nestes (3), praia (3), tiñamos (3), cabeza (3), saír (3), ollos (3), deixou (3), leve (3), grazas (3), bocadiño (3), flaca (3), sir (3), vilha (3), deses (3), malamente (3), idade (3), naqueles (3), século (3), vella (3), amigo (3), fío (3), contado (3), solsticio (3), sabemos (3), veñen (3), carros (3), boa (3), for (3), cabana (3), tivese (3), evitar (3), entrada (3), sombras (3), todos (3), cambiar (3), previos (3), necesaria (3), impulso (3), anterior (3), vítimas (3), meses (3), cor (3), papel (3), partes (3), termos (3), ameaza (3), primeira (3), servir (3), dabondo (3), ollo (3), punto (3), presenza (3), del (3), acordo (3), tres (3), ían (3), valor (3), maneira (3), hora (3), dúas (3), estou (3), perda (3), foron (3), cadra (3), aconteceu (3), década (3), sido (3), poucos (3), tentando (3), eramos (3), deles (3), rosalía (3), sentados (3), vasos (3), afán (3), edificio (3), importante (3), múltiples (3), podemos (3), tarde (3), ideas (3), comparsas (3), recreo (3), conexión (3), economía (3), últimos (3), daqueles (3), curso (3), graos (3), entrar (3), dificultaban (3), circunstancia (3), xeral (3), comarca (3), fora (3), contacto (3), chegados (3), caer (3), supoñer (3), concellos (3), maior (3), arredor (3), vós (3), comunicacións (3), entretemento (3), fronte (3), petos (3), casos (3), estamos (3), cidadán (3), negocio (3), pandemia (3), cliente (3), cabo (3), levo (3), administración (3), destas (3), oferta (3), podería (3), leva (3), par (3), diversas (3), presente (3), lugués (3), ensino (3), probablemente (3), estudantes (3), veterinaria (3), chegou (3), proxecto (3), escola (3), caf (3), cacharro (3), deputación (3), contrario (3), dalgún (3), posible (3), conxunto (3), información (3), miramentos (3), institucións (3), amariñaenloita (3), gris (3), sería (3), fillos (3), prenda (3), único (3), ameazas (3), pai (3), nela (3), branco (3), persoeiros (3), 1990 (3), formas (3), mediante (3), privadas (3), persoal (3), profesorado (3), aproveitaban (3), frase (3), investigacións (3), diñeiro (3), haber (3), solidariedade (3), nenos (3), poden (3), tanta (3), móbil (3), deficiente (3), condutor (3), bus (3), escolares (3), campá (3), emoción (3), choiva (3), free (2), create (2), your (2), own (2), website (2), web (2), nome (2), obrigatorio (2), escribe (2), barra (2), privacidade (2), tes (2), crea (2), blogue (2), xan (2), outubro (2), xornalismo (2), territorio (2), teatro (2), tabaco (2), san (2), recortes (2), oiran (2), maría (2), ideoloxía (2), desastre (2), contos (2), cine (2), cervexa (2), agro (2), chaqueta (2), democráticas (2), navegación (2), escribín (2), sexan (2), brindar (2), tomar (2), amigos (2), festas (2), social (2), alento (2), construción (2), estreita (2), mesmas (2), elas (2), pensamentos (2), intencións (2), necesario (2), enriba (2), aquelas (2), evidente (2), durmir (2), necesidades (2), gallo (2), exemplo (2), facendo (2), implícita (2), fondo (2), venres (2), cea (2), toma (2), furia (2), tristura (2), instante (2), area (2), nubeiros (2), sombra (2), falan (2), pasou (2), lonxe (2), tería (2), cabe (2), balcón (2), redes (2), sociais (2), fotos (2), vellas (2), matar (2), xuñ (2), tennos (2), cantar (2), xustiza (2), costa (2), podo (2), sotaque (2), blues (2), ondas (2), efectivamente (2), letra (2), guitarra (2), eléctrica (2), tema (2), imposible (2), cadeas (2), semana (2), voz (2), peculiar (2), acento (2), tirando (2), muller (2), fame (2), doutra (2), queira (2), levaba (2), constitúe (2), tantos (2), adolescente (2), sin (2), categoría (2), dean (2), acontecidas (2), alcance (2), contar (2), desapareceu (2), erguer (2), parece (2), mozas (2), mozos (2), toca (2), novas (2), trasnadas (2), moita (2), intención (2), sirvan (2), risos (2), ninguén (2), vinganza (2), procuralo (2), porta (2), desafío (2), camiñando (2), houbese (2), herba (2), ruxido (2), camiños (2), comprobamos (2), moverse (2), adrenalina (2), camiño (2), decidiu (2), fomos (2), viño (2), experiencia (2), fracaso (2), veigas (2), recoñecemento (2), previamente (2), incluídas (2), interior (2), incluídos (2), teriamos (2), multitude (2), grupo (2), evento (2), habituais (2), simple (2), iguais (2), polos (2), peor (2), noso (2), pronto (2), tensión (2), grito (2), veciñas (2), escoitado (2), chegando (2), escuridade (2), honra (2), familia (2), escoitou (2), veciños (2), sacar (2), pacto (2), nesta (2), alterar (2), orde (2), cotío (2), díxome (2), veciña (2), doutro (2), raiola (2), última (2), desenvolver (2), negociar (2), resultaba (2), normal (2), vencelladas (2), encetar (2), leña (2), común (2), certa (2), pequeno (2), sardiña (2), viña (2), adiante (2), xusta (2), fume (2), cheiro (2), imos (2), idades (2), dialéctica (2), malo (2), suficiente (2), serve (2), ilustrar (2), outorga (2), mocidades (2), acabar (2), xunto (2), distancia (2), doado (2), mesmísimo (2), directamente (2), audacia (2), delas (2), perspectiva (2), alto (2), vidro (2), xabi (2), marze (2), ceo (2), sorriso (2), mínimo (2), falta (2), plástico (2), obras (2), gardo (2), poucas (2), imaxes (2), poñerse (2), recoñecer (2), cómpre (2), rescatar (2), darlle (2), impón (2), posibilidade (2), convértese (2), feb (2), onte (2), contalo (2), xunguen (2), boas (2), formando (2), habemos (2), haberá (2), instituto (2), clase (2), levar (2), cal (2), proceso (2), quedando (2), baleirado (2), mariñá (2), quero (2), nostalxia (2), seguir (2), procesión (2), sábado (2), escasos (2), procurando (2), intimidade (2), exterior (2), candeas (2), boneca (2), santa (2), desfiles (2), concursos (2), recente (2), celebración (2), consistía (2), apropiarse (2), facía (2), rematar (2), acontecer (2), orellas (2), roscas (2), obxectivo (2), doutras (2), zonas (2), pouca (2), saía (2), homenaxe (2), viveiro (2), valadouro (2), discoteca (2), comezaba (2), naquelas (2), liberdade (2), expresión (2), fixeron (2), clases (2), haxa (2), ámbito (2), práctica (2), corresponden (2), teña (2), comunicación (2), vender (2), detentadores (2), infecta (2), privada (2), teletraballo (2), sirva (2), finalmente (2), pague (2), saia (2), claramente (2), comercial (2), aumento (2), gasto (2), forte (2), superioridade (2), feble (2), abuso (2), ofertas (2), xurídica (2), compromiso (2), ningunha (2), sistematicamente (2), facelo (2), pública (2), debera (2), deixando (2), tono (2), trata (2), loxicamente (2), botamos (2), nomes (2), chamada (2), datos (2), tentar (2), xaora (2), castelán (2), vou (2), vista (2), reflexionar (2), bastante (2), debates (2), neles (2), teremos (2), tenda (2), nalgunha (2), partícipes (2), vehemencia (2), pico (2), familias (2), caterva (2), catedráticos (2), espazos (2), finca (2), responsables (2), procedente (2), progreso (2), rochódromo (2), esparexemento (2), lagoa (2), caras (2), estanque (2), augas (2), suxas (2), deficientes (2), central (2), faculdade (2), chegaron (2), habitar (2), estilo (2), construtoras (2), espazo (2), coido (2), escena (2), ningún (2), politécnica (2), pardo (2), villanueva (2), convertela (2), comenencias (2), concello (2), iniciativa (2), aquiescencia (2), lles (2), claustro (2), dirección (2), dispuña (2), etc (2), coñecemento (2), páxinas (2), medios (2), árbores (2), sol (2), estabamos (2), abertos (2), los (2), monte (2), forro (2), acceso (2), resto (2), xestión (2), planificación (2), terreo (2), forestal (2), edificios (2), chovía (2), frío (2), mínima (2), foran (2), provincial (2), capital (2), darío (2), indefinidamente (2), urbanismo (2), personaxes (2), procedentes (2), orixes (2), universidades (2), quería (2), veño (2), coñecer (2), patria (2), esluído (2), corenta (2), pesos (2), brazos (2), contas (2), laia (2), mestre (2), folga (2), inverno (2), continuo (2), ampliaban (2), tivo (2), foto (2), súpeto (2), fíxose (2), talla (2), cobertor (2), pingas (2), daba (2), impuña (2), catro (2), sospeita (2), docencia (2), será (2), fiestras (2), aceptamos (2), sistema (2), asistimos (2), absolutamente (2), reunión (2), condicións (2), admitiron (2), procesos (2), cargo (2), destino (2), compañeiro (2), rematamos (2), continuación (2), etapa (2), continuar (2), nota (2), innovación (2), viñan (2), instalacións (2), desviar (2), sociedade (2), empresariais (2), aprendera (2), andar (2), baleiro (2), brais (2), lorenzo (2), merecen (2), faise (2), volta (2), aparellos (2), posúen (2), oirán (2), preguntámonos (2), infraestruturas (2), cobertura (2), mestra (2), fina (2), soa (2), 2024 (2), mirase (2), contemplación (2), silandeiro (2), pediu (2), autobús (2), supoño (2), vía (2), rodas (2), asfalto (2), autocar (2), coubeira (2), autobuses (2), intento (2), esperanza (2), grosas (2), minutos (2), pór (2), distribución (2), percorrido (2), estradas (2), letras (2), aran (2), start, correo, comentario, cargando, comentarios, contraer, informar, deste, iniciar, rexistro, administrar, subscricións, reader, inicia, rexístrame, subscrito, subscrición, balde, blog, tuits, chiando, vacinas, tratorada, topografía, suspensos, lucas, perlitas, outeiro, rei, medicina, alternativa, marea, negra, iglesias, turnes, literatura, leite, lareira, independentismo, ganderia, gandeiros, galileo, galeguismo, fontán, feira, esquerda, enxeñaría, agraria, eleicións, ecoloxía, danza, crítica, catalunya, cabalos, bóveda, asunta, asociacion, cultural, amarelismo, alternativo, altermundo, agronomía, etiquetas, febreiro, xuño, novembro, 2025, xaneiro, anotacións, abr, comecei, pretensión, homenaxear, reencontros, dixitais, agardo, analóxicos, pase, compartida, ledos, conclúo, falándovos, gustaría, acontecese, cinema, seráns, concertos, compartido, debemos, cancelala, vermú, charanga, ruada, improvisada, taberna, compadre, constitúen, vital, lazos, mediación, sentímonos, pretendía, enxalzar, remato, pedíndovos, construamos, pechadura, abra, queimando, desconfianzas, negros, convén, ceder, discursos, escuras, pretenden, anular, arrepiante, escoller, nubeiro, pórlle, parecen, escangallarse, prioridades, fundamentais, alimentación, suposto, han, faltar, cingan, estritamente, supervivencia, cubrir, básicas, crise, pretendan, apagar, considera, innecesario, superfluo, brillan, treboada, azouta, olladas, acompáñame, radio, equipo, choio, percorrendo, números, compañeira, amizades, indispensable, baile, contida, saen, canle, control, confinados, trouxéronnos, pés, parecía, rolar, lento, podías, repousar, zoando, llas, covas, altar, apresuraban, formar, leito, sorrisos, xuventude, estarricárense, horizonte, prometido, felicidade, pousan, definen, primavera, conceden, volver, aproveitar, achegármonos, gardadas, recunchiño, conscientemente, gustado, almacenar, desfrutar, tranquilidade, sentado, conversas, les, consultas, estomballarse, sofá, vendo, pegándolle, mandos, videoconsola, rindo, cachón, serie, dicías, tiñas, repasar, ordenar, che, regue, abril, conceder, nesa, paudonés, laflaca, enganchado, infinitas, sucederon, quizais, vivo, recoñecerllo, tópico, atesouramos, feliz, eternamente, recoñecela, sonora, trabucarme, verso, inventar, rimas, imposibles, intentado, arremendar, arrastre, catalaniza, adozado, morno, mol, soñado, caribe, embaza, innecesaria, carga, azucre, sentimental, subxectivo, dou, lembrado, exactamente, camarada, empedernido, afeizoado, doors, alternativos, submundo, rock, punk, admiración, supuxo, veu, distinta, arrastra, sentimentalismo, simplón, baladas, afasta, evocación, doada, masticada, corda, efectista, desapercebido, marca, anuncio, converteron, himnos, etiquetan, musicais, sobrepasabamos, luminaria, festiva, diluía, resaca, diversidade, acentos, meseta, mediados, colonizaban, eclipse, arrimados, mamá, figueira, bar, marcou, tendencia, turística, despuntabamos, escaravellaba, disimulado, catalán, convencional, cubana, quilos, salsa, soles, shin, palabrash, hablannn, pel, escura, bailando, durme, engana, bebe, tras, engorda, bico, cantante, daría, imaxinación, debullar, homenaxes, lalo, rodríguez, devórame, otra, húmido, caloroso, habana, rasgueo, cubano, cheira, new, orleans, desesperado, destrúe, robert, johnson, puidera, maldicir, canción, lembreime, posta, enésima, exercicios, xul, lumenovo, inédito, peitos, 1996, vintecinco, protagonistas, camiñarán, vagalume, cigarro, serlles, pare, quedaban, dera, tento, imparable, muda, operada, último, conseguiu, fechar, portas, abandonar, airas, quedamos, sexamos, escribir, perdoa, rachar, pactos, risco, contaxiar, xeracións, rueiros, remolque, tractor, tarefa, realizable, benquerida, intelixencia, deseñe, malicia, botar, fagan, alcumado, espiña, demasiado, fonda, orgullo, afrenta, sacarse, arrincar, dia, xunguir, vacas, calzado, protexémonos, alpendre, escondedelas, movemento, sete, oito, démoslle, guindón, resultou, freado, desbloqueamos, carraca, saíse, empurrón, inicial, seguía, milagres, insospeitados, colaborativa, erguemos, sacámolo, repousaba, posto, corremos, aira, ficou, noitiña, conque, sardiñas, chourizos, serviran, outorgarlle, alcume, irrupción, frustrara, brincadeira, infantil, determinaba, grupal, participación, engolemia, provoca, proibido, conducíanos, adormecidas, chaquetas, xerseis, subidos, imperativo, shhhhhhh, campaba, plano, ataque, deseñado, continxencias, decidira, cadaquén, culpabilidade, disimular, situación, indesexable, ocultarse, eficacia, velocidade, escapar, euforia, emparentadas, condicionantes, serviu, intuírmos, próximo, gloria, silandeira, imediato, tales, vitorias, nolas, contaron, parecían, relatando, actuacións, anécdotas, escollidas, troula, partícipe, construía, amecidos, dan, segredo, transmisión, comunitaria, convencía, reservado, cemento, manter, vencello, forxado, proximidade, consegue, recuperar, unidade, xuntas, retomamos, encirrados, empurrados, quixeramos, probar, frustrado, escollido, precisamente, levaban, brincadeiras, inexperiencia, revelou, paradoiro, cheos, real, axiña, vimos, varias, ducias, cumpría, vixía, tatexo, esqueceu, incapaz, pronuncialo, botando, man, palabra, identificar, gorxa, afogado, escapou, suficientes, infundir, temor, fuxirmos, asustados, hortas, rabiño, viamos, criamos, erguía, mango, galleta, gargalladas, sufrira, ataques, fortuna, incomodado, perderen, ameazar, bater, descoidado, acometera, falcatruada, decatarse, propietario, deitado, agochado, protexido, vixiante, coidaba, ofensa, téñenme, antergo, tolerante, xoldras, quixeran, cabanote, prevenido, arma, fogo, arremeteu, causantes, producir, afortunadamente, ferida, abrigada, precedente, ela, previo, saían, silandeiros, esluíanse, dedicábanse, basicamente, ferramentas, contorna, seren, vitoria, habilidade, esas, fendas, veciñais, soterradas, fornecían, frecuente, atopar, horta, curral, catalo, consecuente, incomodidade, ambas, furtivo, tunantes, previas, trocaran, anoitecía, adoita, suspendida, crepúsculo, grolo, bocado, maliciabamos, naturalidade, baixa, enfado, preparaban, lóxica, inmediato, visto, poderiamos, escolliamos, xuntabamos, cacharela, verdadeiro, miolo, naquilo, resulta, extraordinario, situarse, impacto, gravou, arremete, intensidade, decidido, carrexada, dispostas, bebidas, xuntarse, cuestión, prender, lumiño, estender, brasa, colocar, grella, chourizo, costela, porco, convencendo, arrecendos, airexa, morna, afalando, nordés, mesturan, experiencias, concretar, creo, dea, resumido, texto, propóñome, xuntar, retallos, fiar, tardiñas, rúas, vilas, enchendo, saltan, arelamos, saltar, lamentaba, apesarado, aventuras, noutro, laiábase, descoñecese, noutrora, outros, fixera, felices, inseridos, eterno, conflito, empatizamos, queixas, sentindo, achegan, ficando, conscientes, desa, queren, instalarse, sosteño, pouso, gozado, daquilo, gardar, gratísima, mesa, adornamos, grilandas, vagar, xuntármonos, distantes, mediada, viu, xuntándose, serodia, rebuldeira, cadraba, próximas, fuxir, controladora, determinou, decidísemos, festexalo, comida, bebida, avoas, chamábanlle, foleón, desfrutaban, descubrir, fascinación, desata, humanidade, resultar, mesturarse, rito, catártico, asociado, lapas, caen, barreiras, anómalas, circunstancias, desenvolvemos, obrigan, desenvolvernos, ago, ulises, perdido, hespérides, derrota, tripulación, fermosa, lindos, querer, atoparnos, nesas, cobizosas, relatos, teriades, preguntarlle, retrato, achegádevos, escoitade, atentamente, keating, recomendaba, descubriredes, soñamos, pide, conservo, sintoniza, perfección, entrelaza, cuanticamente, capó, detense, atino, fun, pulsou, disparador, xusto, fría, húmida, despega, nave, espacial, postadolescentes, raibosamente, vizosos, asaltan, estrelas, solares, leven, cristalino, dirixindo, nao, senlleira, atisbo, dúbida, confiada, coñece, final, caste, timidez, innata, dozura, insinuación, navegante, cartógrafo, intérprete, rotas, asoman, tenrura, temoneiro, maquinista, confianza, repousando, guían, navío, prestándoa, áxil, acadar, cotos, elevados, esquivar, aerólitos, teimen, desvialos, singradura, chámanlle, botellón, botellas, ron, traseira, refresco, cola, americanas, sofisticación, abrigo, chuvieira, tremenda, saboreando, diluírse, semellantes, encetaba, remataba, soportal, testemuñan, kodak, analóxica, focal, fixa, físicas, colleita, poñamos, burela, estreaba, cedo, reivindicabamos, inconsciencia, xuvenil, aspiraba, vale, asentando, recoñecerse, rostros, decurso, forman, elo, aparece, mostrando, lazo, invisible, xungue, chamar, profundidades, ocasións, completamente, honestos, quedar, excesivamente, ruín, tender, adozalo, tinguíndoo, marabilloso, manteño, cordura, tende, parecernos, revivilo, absurdo, bravos, celebracion, carnaval, antroido, post, scriptum, rubén, conversei, lembramos, pasada, sanitario, mellore, xuntarémonos, pandemias, aparte, resistente, nexo, inesquecible
Text of the page (random words):
violencia que haxa empresas con este tipo de prácticas mentres os estados miran para outro lado ou directamente descargan o seu poder coactivo fronte a cidadáns que queiman un contedor cando corporacións de diversa índole e ámbito seguen a expremer os recursos públicos incluídos os petos da cidadanía así que se chegastes ata aquí dígovos que non admito que me dean o pensamento mastigado que me digan como teño que comportarme mentres o que me ofrece as comunicacións aproveita que lle estou comprando o servizo para ademais coaccionar coa programación o modo de pensar non a violencia non é un elemento descontrolado no medio dunha manifa a violencia é a expropiación da forza de traballo claro pero tamén do entretemento do pensamento e desde logo da saúde e do benestar colectivo pasar pasarían ou vencíchedes vós pero se os vixiantes da praia seguen visitando este meu blogue como fixeron até o de agora que saiban que polo momento teño claro que isto continúa a ser loita de clases e eu non cambiei de bando publicado en debate política etiquetado debate liberdade de expresión pensamento política violencia feb 21 entroido ou o que lle pidamos hoxe posted by acheite 0 ben sei que van aló 25 anos disto nun entroido que comezaba cun cálido sábado de desfile e posterior noite de festa en foz como nunca tiveramos previsto como só naquelas noites de mocidade podía acontecer e que concluía o martes no azulado ambiente de fume da extinta discoteca el recreo de lourenzá alí unha nutrida cohorte de diferentes comparsas grupos de amigos ou individuos de pouca vergoña moito atrevemento e axeitado nivel de alcol en sangue nun determinado intre da noite saía en desfile a lucir galas para maior homenaxe a don carnal a dotación económica de premios diversos e o serodio da convocatoria contra a media noite permitía aos diversos grupos acudiren primeiro aos concursos de concellos do arredor ribadeo viveiro valadouro ou mondoñedo e recalar na discoteca para rematar a festa os premiados adoitaban ser aparatosísimas mascaradas de comparsas ou grupos que pasaban longas xornadas de preparación e cuxo obxectivo fixábase nos desfiles dos concellos ao ancho da comarca mariñá traballo envexable abofé que porén se cinguía a unha forma de celebración máis propia doutras zonas do mundo que da galega e xa que logo máis tradicional e toca abrirmos unha necesaria paréntese aquí pois podemos caer no erro de pensar que o entroido galego se cingue ás figuras xa asentadas como un supoñer os felos os peliqueiros ou os xenerais do ulla porén escondidos entre esa néboa que ás veces nos corta a autovía no recuncho máis lonxincuo dos que comparten comigo esta lembranza a bo seguro gardan memoria do que significaba o entroido nas aldeas de maneira moi resumida consistía en vestirse con roupa doutro trocándoa con alguén apropiarse da dos maiores ou cambiar o rol de xénero de a diario e a partires de aquí ir de casa en casa pondo a proba a capacidade de alterar por un día a personalidade propia interpretando un personaxe de xeito tan convincente que a veciñanza non puidese recoñecer a quen isto facía a cousa podía rematar polas malas coa expulsión do descoñecido da casa ou polas boas e así adoitaba acontecer co recoñecemento ou non do enmascarado e partillando freixós orellas ou roscas de anís canda unha cunca de viño ou de café pero e volvendo a aqueles 25 anos atrás para a rapazada do rural mariñao incluída no ambiente xeral da comarca constituía un desafío importante sermos quen de entrar na dinámica dos entroidos de desfiles e concursos e por se fora pouco contabamos coa memoria recente e o impulso das persoas que constituíran a xeración anterior á nosa aqueles que aniñados nunha explosiva toma de contacto co exterior nos últimos anos da década de 1970 fixeran seus modelos de divertimento e celebración chegados coa tv e co turismo así as cousas a nosa particular entrada na postmodernidade consistía en incluírnos neste tipo de decorados de importación para os festexos así que coa inestimable colaboración das nosas nais e inspirados nun vello conto que contaremos noutra ocasión con túnicas moi parecidas a saios monacais e unhas antigas angarellas nas que asentamos unha boneca de trapo tentamos reproducir unha santa compaña tuneada e adaptada á circunstancia do desfile daquel martes na sá de festas alí non faltou nin o saio para a boneca nin os adornos nin as candeas acesas nin tampouco a neve porque un dos feitos polos que gardo lembranza daquela noite amais da caracterización e todo o proceso para deseñar e promover a procesión foi que en dous días pasamos de estar a perto de 20 graos de temperatura na noite focega do sábado aos escasos 2 graos sobre cero do martes aquel e lémbroo porque entrar no desfile esixía trocar de roupa e preparar todo para a nosa particular procesión así que procurando a intimidade para evitar recoñecementos cambiamos as roupas no exterior do pavillón deportivo de lourenzá mentres os graos da neve dificultaban o prendido das candeas e mantelas alumeando naquela xélida noite o resultado que obtivemos non importa como seguramente non importaría daquela fose cal fose o verdadeiramente relevante do evento foi claro todo o proceso aquela conexión da amizade da que xa teño falado aquí e da que vai quedando cada vez menos polo baleirado sistemático que o rural e a economía mariñá veñen experimentando nos últimos anos non quero que a nostalxia e o presuntamente doado daqueles anos poida embafar unha actualidade que non deixa de seguir o seu inevitable e necesario curso creativo tan só e pandemias aparte lembrar esta que foi noite de martes de entroido tal día coma hoxe hai 25 anos e que sigue aí resistente coma as boas ideas na memoria formando un nexo inesquecible con ese lugar que me cría e que me da o pe onde coller impulso lembrar que dentro dun ano ou se cadra antes habemos poder celebrar outra vez entroido habemos vestir de vellos e na mariña sairán a celebralo as comparsas e non haberá xa tal vez nunca máis o desfile de el recreo de lourenzá e nas aldeas queda cada vez menos xente porén a bo seguro haberá algún grupo de mozas que sexan quen de vivir o entroido de rir de todo e de todos mesmo de si mesmos coma este venres que con restricións pandémicas algunha rapaza do instituto onde imparto clase atreveuse a levar un sombreiro con brillos e mantívoo pola mañá na aula post scriptum e vai por rubén que onte pola tarde sen contalo conversei con el e entre outras cousas lembramos de pasada estas e outras tantas historias que nos xunguen e cando o estado sanitario mellore xuntarémonos agora si en persoa para brindar polas vellas e novas memorias publicado en sin categoría etiquetado amizade antroido carnaval celebracion entroido memoria feb 16 canto aos anos bravos posted by acheite 0 por veces cómpre rescatar imaxes das profundidades da memoria para darlle perspectiva á realidade na que vivimos aínda así con seguridade en múltiples ocasións non somos completamente honestos e tanto podemos quedar co excesivamente ruín como tender a adozalo de máis tinguíndoo de marabilloso manteño para min e así mo impón a cordura que nada do pasado foi tan bo como ás veces tende a parecernos e desde logo a posibilidade de revivilo convértese nunha viaxe ao absurdo con todo se de algo nos vale a memoria é para ir asentando as cousas da vida recoñecer e sobre todo recoñecerse en rostros que non son o propio pero que grazas ao decurso dos anos forman un elo moi importante da historia e das historias de nós entón aparece a amizade mostrando ese lazo invisible que nos xungue sen necesidade de chamar por el dos tempos mozos gardo poucas imaxes físicas pero teño unha boa colleita de lembranzas poñamos entón aquela noite de fin de ano en burela que se estreaba cedo mentres algúns de nós reivindicabamos inconsciencia xuvenil e vida que aspiraba poñerse en pé hoxe chámanlle botellón daquela era un seat vello dúas botellas de ron na traseira e outras tantas de refresco de cola para celebrar o paso de ano vasos de plástico algunhas americanas con afán de sofisticación e roupa de abrigo chuvieira tremenda na rúa e nós saboreando o riso a diluírse nun mundo tan grande que coma en tantas outras semellantes encetaba e remataba aquela noite a cuberto nalgún soportal de edificio en obras así o testemuñan as fotos dunha kodak de 35 mm analóxica de focal fixa que me veñen ilustrar hoxe aquí de entre a ducia e media que conservo daquela noite unha delas sintoniza á perfección con esa memoria que nos da a perspectiva e nos entrelaza case cuanticamente desde o alto do capó o ollo de vidro detense en rosalía xabi e marze non atino a lembrar se fun eu quen pulsou o disparador no momento xusto so sei que sentados no vello seat da miña casa a cuberto da noite fría e húmida do cambio de ano no instante en que despega a nave espacial do futuro tres postadolescentes raibosamente vizosos asaltan un ceo de estrelas até onde as ondas solares os leven o sorriso cristalino de rosalía a máis nova dos tres dirixindo a nao senlleira sen o máis mínimo atisbo de dúbida confiada na razón dunha viaxe da que non coñece o final nin falta que fai unha caste de timidez innata en marze coa ollada a medio camiño entre a dozura e a insinuación o navegante o cartógrafo das palabras o intérprete das rotas que asoman na ollada de rosalía e a tenrura de xabi temoneiro e maquinista a confianza repousando nas mans que guían o navío prestándoa áxil para acadar os cotos máis elevados ou tal vez para esquivar os aerólitos que teimen en desvialos da singradura nin o mesmísimo ulises tería perdido o seu canto nas hespérides se na súa derrota tivese contado cunha tripulación tan fermosa están tan lindos que de querer atoparnos nesas memorias cobizosas de relatos de nós teriades que preguntarlle directamente ao retrato porque falan achegádevos moito escoitade atentamente tal e como keating recomendaba ao seu alunado descubriredes que en cada un deles vai implícita esa viaxe coa que soñamos algunha vez esa que aínda hoxe nos pide audacia nos momentos máis escuros sexa pois audacia daquela e sempre publicado en amizade etiquetado lembranzas memoria ago 11 historias do lume posted by acheite 0 para nós sempre foi o lume novo as avoas chamábanlle foleón e desde a distancia teño para min que desfrutaban tanto del coma as nenas que eramos porque non imos descubrir agora a fascinación que o lume desata na humanidade nin o doado que pode resultar mesturarse co rito catártico asociado ás lapas en canto caen as barreiras das anómalas circunstancias nas que nos desenvolvemos ou nos obrigan a desenvolvernos 1 nas mocidades xa distantes da rapazada dunha aldea da mariña mediada a década dos noventa do século pasado o lume novo sempre se viu coma unha festa unha festa iso si como tiña sido sempre unha en cada casa para acabar xuntándose logo na máis serodia na máis rebuldeira ou na que cadraba máis xente sendo poucos de idades próximas e tentando fuxir un bocadiño da ollada controladora da familia determinou que naqueles tempos a mocidade decidísemos festexalo por xunto comida e bebida incluídas hai uns días un veciño e porén amigo lamentaba apesarado a perda da memoria e das aventuras das que noutro tempo foron e xa non están laiábase ademais de que a xente nova descoñecese todo aquilo que noutrora a el e a outros nos fixera felices inseridos no eterno conflito entre o novo e o vello empatizamos coas súas queixas se cadra porque imos sentindo como se achegan as idades onde forza e mocidade van ficando máis atrás con todo somos conscientes desa dialéctica na que algúns queren instalarse sempre da beira do antes pola miña banda sosteño que nin no pasado nada foi tan bo nin o novo é todo tan malo aconteceu deixou o pouso suficiente por ter gozado daquilo e gardar unha gratísima lembranza que serve para ilustrar esa mesa en común que adornamos coas grilandas da memoria cando o tempo nos outorga vagar para xuntármonos agora que máis de dúas décadas van aló e no medio da memoria se mesturan tantas experiencias non estou seguro de poder concretar a orde xusta de todas elas nin creo que dea resumido tantas historias nun só texto propóñome xuntar retallos e tal vez poder fiar algunha das moitas lembranzas que nas tardiñas do solsticio mentres as rúas das vilas se van enchendo de fume e cheiro a sardiña saltan por riba de min do mesmo xeito que nalgún intre arelamos saltar o lume poderiamos encetar o relato polo momento en que escolliamos o sitio ou como xuntabamos a leña para a cacharela aínda que o verdadeiro miolo das historias está naquilo que dunha maneira ou doutra resulta extraordinario sexa por situarse fóra do común ou porque o impacto co que se gravou en nós arremete con máis intensidade así que decidido o lugar carrexada a leña e dispostas as mesas e bebidas para a cea xuntarse era unha cuestión de ir chegando a certa hora prender un lumiño pequeno estender a brasa e colocar a grella onde chourizo sardiña ou costela de porco ían convencendo con arrecendos a airexa morna que viña afalando o nordés polas veigas adiante anoitecía a modo tal e como os días de solsticio adoita con cada raiola última suspendida no crepúsculo mentres entre grolo e bocado maliciabamos como se ía desenvolver a noite a naturalidade do que se estaba a negociar en voz baixa resultaba tan normal coma o enfado das persoas que ían ser vítimas nas trasnadas que tal noite se preparaban dentro da lóxica do inmediato que fai da educación un valor colectivo nas aldeas desde sempre tiñamos visto pero sobre todo escoitado as historias vencelladas á noite do lume novo abrigada pola escuridade a xente da xeración precedente á nosa e outras antes ca ela sen pacto previo nin acordo nesta noite saían de dous ou de tres silandeiros esluíanse por entre as sombras e dedicábanse basicamente a alterar a orde das ferramentas agrarias das casas da contorna era a noite de cambiar os carros por seren os mesmos as vítimas habituais e a un tempo unha vitoria da habilidade da forza ou simplemente da capacidade de sacar á luz esas fendas veciñais tantas veces soterradas que porén fornecían a cotío o díxome díxome da comunidade era frecuente xa que logo atopar o carro dunha veciña na horta ou no curral doutro co que se levaba mal para que ao día seguinte tivese que ir catalo coa consecuente incomodidade por ambas partes e o riso furtivo dos tunantes que nas horas previas o trocaran de lugar nos anos previos tiñamos escoitado entre gargalladas como a veciñanza sufrira os ataques con máis ou menos fortuna e como nalgún caso se tiñan incomodado até o punto de perderen a razón chegando a ameazar ou bater naquel que descoidado acometera a falcatruada sen decatarse da presenza do propietario deitado no carro agochado por baixo del ou simplemente protexido pola escuridade vixiante contra o que coidaba unha ofensa á súa honra e á da súa familia así téñenme contado que un antergo de meu moi pouco tolerante con este tipo de xoldras escoitou como dous veciños lle quixeran sacar o carro do cabanot...
|